Referencia: Proceso de constitución do Encontro Social de Ferrol Terra e da Rede de Apoio Mutuo
No Local Social da Asociación Veciñal de Esteiro
En convocatoria realizada polo Consello Local do Foro Social de Ferrol Terra, reúnense, o 27 de Decembro de 2011, nos locais da Asociación Veciñal de Esteiro dezaoito persoas, trece destas, representando ás seguintes organizacións e asociacións:
- A.C. Fuco Buxán
- Asociación Veciñal de Esteiro
- Marcha Mundial das Mulleres
- Fundación Artábria
- Esquerda Unida
- Colectivo Ártabra 21
- Foro Galego de Inmigración
- Comité Anti-Sida Lazos Pro Solidariedade
- Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos
O sindicato STEG desculpa a súa ausencia, e asisten a nivel individual cinco persoas máis.
O obxectivo desta reunión é dar pasos organizativos e de reflexión para constituír o Encontro Social de Ferrol Terra. Un espazo de confluencia entre os distintos movementos e organizacións, que posibiliten a creación dunha rede de apoio mutuo, en base ao esquema que se adxunta a este informe.
Temas de debate:
Necesidade de integrar a mais movementos e organizacións antes de constituírse en Encontro Social de Ferrol Terra. Faise mención aos sindicatos, ás AAVV, a organizacións vinculadas á economía social e ao movemento ecoloxista. Tamén se concreta un compromiso de trasladar ao 15M a súa incorporación no proxecto.
Necesidade de facer un diagnóstico claro sobre a situación da comarca. Valóranse varios xeitos de facelo. A través da realidade que viven as propias organizacións, nomease especialmente ás AAVV e os sindicatos, e coa realización dunha enquisa. Apuntase tamén o aspecto psicosocial, que nos axude a entender as razóns de por que toda a problemática dunha comarca con 18.000 persoas en situación de paro laboral, un terzo delas remata as prestacións este mes de decembro, non acada máis niveis de organización e resposta.
Coincídese na idea de comezar por algunha das problemáticas que se vexan prioritarias ou de máis posibilidade de acadar resultados e non intentar abranguer todos os campos que se propoñen. Nese senso márcanse como posíbeis as seguintes:
Loita contra o paro:
Creación de postos de traballo impulsando proxectos de economía social. Apúntanse a creación de cooperativas vinculadas á atención da dependencia para romper co monopolio que manteñen grandes empresas neste campo. Existen ademais, propostas de cesión de terras que se ceden, para proxectos agrarios comunitarios. Tamén terreos de titularidade pública que se poderían reivindicar para estas actividades.
Apoio aos sindicatos para criar estratexias de loita polo reparto do traballo (presión para rematar coas horas extra en todos os sectores).
Presión diante dos concellos da comarca, para que se convertan en creadores de postos de traballo (nos orzamentos aprobados polo Concello de Ferrol existe unha partida de máis dun millón de euros para horas extra).
Medios de comunicación comunitarios:
Apoiar Rádio Filispim, divulgándoo como medio de comunicación alternativo entre a cidadanía.
Crear un grupo comunicativo comunitario que facilite o fluxo de información entre os movementos e os resto da cidadanía.
Acordase:
Un compromiso desde as distintas organizacións e persoas que asisten a esta reunión, de falar e convocar a outras organizacións e movementos para que acudan á próxima xuntanza. Insistir que no caso de non poder acudir representando a toda a organización, debemos animar ás persoas interesadas a que se incorporen ao proxecto de xeito individual ou sectorial.
Elaborar un pequeno texto, informe de diagnose, que acompañe ao esquema para utilizar nesta convocatoria.
Celebrar unha nova reunión o 17 de Xaneiro, nos locais da AAVV de Esteiro, ás 7 da Tarde.
||||||||||||||||||||
Nenhum comentário:
Postar um comentário