13 de fevereiro de 2012

Informe da Xuntanza do 17 de Xaneiro de 2012

INFORME Nº2 - XUNTANZA DO 17 DE XANEIRO DE 2012.

Referencia: Proceso de constitución do Encontro Social de Ferrol Terra e da Rede de Apoio Mutuo

No Local Social da Asociación Veciñal de Esteiro

Participan nesta convocatoria 47 persoas. Unha parte delas en representación das seguintes organizacións:

  • Rádio Filispim
  • Asociación Veciñal de Esteiro
  • Sindicato de Traballadores/as do Ensino - STEG
  • Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos
  • Cooperativa de Consumo responsábel A Xoaniña
  • Asociación Cultural Fuco Buxán
  • Ateneo Ferrolán
  • Marcha Mundial das Mulleres
  • Foro Galego de Inmigración
  • Asociación de Economía Social Briante
  • PSOE
  • Colectivo Ártabra 21

Desculpan a súa non asistencia Esquerda Unida e o Comité Lazos.


Orde do día e metodoloxía:

1-Comezar a reunión cunha presentación das persoas asistentes, mencionando se veñen a nivel particular ou en representación de asociación ou organización.

2-Momento para expoñer os debates, propostas, … (se se deron) nas organizacións, sobre os temas sinalados nas anteriores xuntanzas (mapa conceptual, obxectivos, propostas...). Propostas para a constitución do Encontro Social de Ferrolterra. Toma de decisión (votación/consenso). (Obxectivo 1 da reunión)

3- Exposición de propostas para realizar a avaliación diagnóstica. Toma de decisión (votación/consenso). (Obxectivo 2 da reunión)

4- Debate para marcar o contido, número e composición das Comisións de Traballo. Toma de decisión (votación/consenso). (Obxectivo 3 da reunión)

5- Nova data de reunión.


Temporalización:

Comezo ás 7 da tarde e remate ás nove da noite.
  • 19:00 Punto nº1 (15 minutos)
  • 19:15 Punto nº2 (45 minutos)
  • 20:00 Punto nº3 (25 minutos)
  • 20:25 Punto nº4 (25 minutos)
  • 20:55 punto nº5 (5 minutos)

Debatese sobre a necesidade de criar unha idea colectiva ao redor das definicións do que é o Encontro Social de Ferrol Terra e a Rede de Apoio Mutuo. Esa diferenciación vese axeitada, aínda que o debate sobre as definicións quedan abertas.

Definicións que se debateron:

ENCONTRO SOCIAL DE FERROL TERRA
Conxunto de colectivos, asociacións, organizacións e persoas, unidas para enfrontarse á Estafa chamada Crise e ás políticas neoliberais, mediante propostas, denuncias, demandas e mobilizacións, e construíndo outro modelo social, baseado na complementariedade, solidariedade, reciprocidade e cooperación coa creación e mantemento dunha Rede de Apoio Mutuo. O Encontro Social de Ferrol Terra, reúnense na Asemblea de movementos, organizacións e persoas.

REDE DE APOIO MUTUO
Conxunto de persoas, actividades, accións, ideas, proxectos, recursos, bens... que fan posibles os obxectivos marcados polo Encontro Social de Ferrol Terra, para afrontar de xeito colectivo, os problemas provocados na nosa comarca polas políticas neoliberais e o propio sistema capitalista.

En canto á proposta de constitución do Encontro Social de Ferrol Terra os debates xiraron ao redor das seguintes ideas e propostas:
  1. Entender a constitución do ESFT como un proceso xa en marcha.
  2. Aumentar a comunicación co resto do movemento social da comarca para incorporalo ao proceso.
  3. Realizar unha avaliación diagnóstica que oriente a actuación do ESFT. Proponse a realización dunha enquisa entre o movemento social (sinalase aos sindicatos e aavv) e a cidadanía da comarca, onde se recolla a situación que se está a vivir, que demanda hai para resolver os problemas, que se agarda, e que se pode ofertar, desde as organizacións e as individualidades, ao proxecto da Rede de Apoio Mutuo.
  4. Ir dándolle un contido coa práctica, gañando credibilidade, comezando a construír, desenvolvendo proxectos, que acompañen os debates que iran dando contido ao proceso.
  5. Apuntouse a necesidade de que as estruturas que se vaian conformando sexan abertas para facilitar a participación.
  6. Indicouse a necesidade de coñecer outras experiencias semellantes que se están a dar en Europa.

Constitución de Comisións de Traballo:

Remata a reunión coa constitución de dúas comisións que terán carácter aberto e realizarán unha xuntanza o próximo martes 24 de xaneiro, ás 7 da tarde no local de Fuco Buxán.
  • Comisión de diagnose e comunicación.
  • Comisión de economía social e calidade de vida.

O pleno que reunirá a todas as persoas e organizacións que participan no proceso de constitución do Encontro Social de Ferrol Terra, realizarase o martes 7 de febreiro ás sete da tarde nos locais da Asociación Veciñal de Esteiro.

|||||||||||||||

Nenhum comentário:

Postar um comentário