3 de fevereiro de 2014

Celebrada a XXII Asemblea Plenaria do Encontro Social de Ferrol Terra - Informe

O sábado 25 de Xaneiro de este 2014, tiña lugar a celebración da Asemblea Plenaria nº22 do proceso de construción do Encontro Social de Ferrol Terra, acompañado da Rede de Apoio Mutuo. Unha asemblea que se celebraba pasados oito meses despois da última que tivera lugar o 28 de Maio de 2013. A asemblea daba comezo pasadas as 6 da tarde, no salón de actos do Ateneo Ferrolán. Polas circunstancias organizativas que estamos atravesando, o carácter desta Primeira Asemblea Plenaria da nova etapa foi de carácter deliberativo. Os seus obxectivos eran os de analizar erros e acertos do feito, avaliar o aprendido, e deseñar colectivamente un plan de futuro do seguinte proceso de construción do Encontro e a Rede. Foron 38 as persoas que participaron nesta nova asemblea do Encontro Social. Moitas e interesantes intervencións con análises e propostas tiveron lugar. A asemblea durou máis do previsto, máis conseguiu os seus obxectivos. Como estaba formulado na orde do día, acordou-se a constitución dunha comisión de traballo, aberta a quen quixer participar, para elaborar o relatorio coas conclusións da Asemblea. Comisión que quedou de xuntar-se o sábado 1 de Febreiro, cousa que fixo e estas son as súas consideracións e conclusións, formuladas no seguinte informe que agora publicamos para xeral coñecemento:

Documento relatorio da primeira asemblea da nova etapa do Encontro Social de Ferrol Terra do 25 de xaneiro de 2014.-


A asemblea comeza ás 18hs na sede do Ateneo Ferrolán. Asisten 38 persoas. Algunhas das persoas asistentes nunca tiñan participado en asembleas do Encontro.

Comeza a asemblea cun minuto de silencio na memoria de Vitoria Fernández Paredes, activista do Encontro,  recentemente falecida.

Elíxese como moderadora a Lucia Vizoso.-

Ao longo das sucesivas quendas exprésanse as seguintes ideas:

1.- O Encontro sufriu unha crise que nos paralizou, afectou a todas as súas ramificacións, de xeito que unhas sobreviviron e outras non, aínda que en xeral a valoración do camiño andado foi moi positivo.

2.- A práctica realizada nesta primeira fase do Encontro Social de Ferrol Terra, segue sendo descoñecida por amplos sectores da nosa sociedade, como así o confirman as persoas asistentes que non participaron anteriormente en ningunha asemblea.

3.- O Encontro Social de Ferrol Terra reafirmase como un espazo de encontro, con funcionamento aberto e asembleario. Un foro de debate de ideas para construír alternativas de contrapoderes.

4.- A situación na comarca é de máxima emerxencia, polo que o éxito do Encontro é máis necesario que nunca. Esta situación esixe un traballo permanente de mobilización e construción de redes e apoio mutuo.

5.- Valorase como necesario continuar coas iniciativas da Tenda de Troco, Comisión de Finanzas Éticas, STOP Desafiuzamentos, e outras que poidan xurdir ao abeiro da Cooperativa Arméria.

6.- Esta asemblea comprometese a continuar funcionando como Encontro Social de Ferrol Terra, designando unha pequena comisión que redacte o relatorio da mesma, convoque a seguinte asemblea, e propoña orde do día.

Por encomenda da asemblea do Encontro Social de Ferrol Terra, convocase nova asemblea para o próximo sábado 22 de febreiro ás 18hs na sede do Ateneo Ferrolán, coa seguinte orde do dia:

1. Elección de moderadora/or.
2. Lectura, modificacións e aprobación do relatorio elaborado pola comisión.
3. Situación das distintas Comisións e Grupos de Traballo, e novas propostas.
4. Novos camiños na defensa da Comarca. Problemas, debate e propostas.

A duración estimada da asemblea será de dúas horas.

Ferrol, a 1 de febreiro de 2014

Participaron nesta Comisión para a redacción do relatorio e nova convocatoria: Lucia Vizoso, Inácio Martínez, Luis Matalobos, Alberto Espiñeira, Chema Hernández, Manuel Vázquez, Pablo Portero e Lupe Ces.

Enlace relacionado:
Carta e Convocatoria para a celebración da XXII Asemblea Plenaria do Encontro Social de Ferrol Terra – Sábado 25 de xaneiro de 2014.


||||||||||||||||

Nenhum comentário:

Postar um comentário