18 de janeiro de 2014

Convocatoria da XXII Asemblea Plenaria do Encontro Social de Ferrol Terra – Sábado 25 de xaneiro de 2014

CONVOCATORIA DA PRIMEIRA ASEMBLEA DE 2014 DO ENCONTRO SOCIAL DE FERROL TERRA.-

Proposta de obxectivos e orde do día para a XXII Asemblea Plenaria do proceso de construción do Encontro Social de Ferrol Terra, acompañado da Rede de Apoio Mutuo.

Día: Sábado 25 de Xaneiro.
Hora: 18:00 horas.
Duración: Dúas horas (Aproximadamente).
Lugar: Ateneo Ferrolán (Rúa Madalena 202).

Tipo de Asemblea: Polas circunstancias organizativas que estamos atravesando, o carácter desta Primeira Asemblea Plenaria será deliberativo.

Obxectivos da Asemblea: Analizar erros e acertos do feito, avaliar o aprendido, e deseñar colectivamente un plan de futuro do seguinte proceso de construción do Encontro e a Rede.


Orde do día:
1.- Nomear moderador ou moderadora.
2.- Aprobar ou modificar a orde do día e outras circunstancias da Asemblea.
3.- Abrir unha quenda rotatoria de palabras.
4.- Abrir unha segunda quenda rotatoria de palabras.
5.- Abrir unha terceira e última quenda rotatoria de palabras.
6.- Nomear unha comisión para elaborar o relatorio coas conclusións da Asemblea.
7.- Fixar data, hora, lugar e contido da seguinte Asemblea.

Compañeiras e Compañeiros:

En Maio de 2011, antes das eleccións municipais, miles de persoas tomaban as prazas de moitas cidades no territorio do, polo de agora, Reino de España.  Nacía o Movemento 15M [1], outra forma de encontrar-se, outra forma de debater, outra forma de acción, outra forma de denuncia, outra forma de organización: asemblea e autoxestión. Perante un mes as prazas converteron-se nun crisol de ideas, nunha denuncia integral do sistema, ... nunha asemblea permanente de construción colectiva, nun congreso amplo e sostido no tempo de elaboración de alternativas.

Meses máis tarde, o 23, 24 e 25 de Setembro de 2011, tiña lugar o primeiro Foro Social de Ferrol Terra [2], unha sección local do Foro Social Mundial [3] e irmán do Foro Social Galego [4]. Realizouse cos obxectivos de “fomentar diálogos, propiciar dinámicas de colaboración, criar alternativas e redes para a acción local”. Foron tres días intensos e frutíferos. “Un outro mundo é posíbel”, “Actuando no local, pensando no global”, “Outra Comarca, Outra Democracia, Outra Vida, ...”, eran os seu lemas mais destacados.

O Consello Local deste Foro Social de Ferrol Terra estaba integrado pola Marcha Mundial das Mulleres, A.C. Fuco Buxán; Colectivo Ártabra 21, Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol, Foro Galego de Inmigración, Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia, Colectivo OPAII (Ondas Para Activación Información Independente - Rádio Filispim), Asociación Veciñal de Esteiro, Rede de Converxencia Social 'Praza Pública' e varias persoas a nivel individual.

Unhas semanas máis tarde, varias persoas do Consello Local asisten, na localidade de Teo, a un chamamento para formar o I Encontro Social Galego, o 5 de Novembro de 2011. Desenvolvendo-se este, nun clima de concordia, coincidencia e vontade de profundar no proceso de construción dun espazo de diálogo e acción en común, onde se estableceu, no seu transcurso, un diagnóstico común e comezou-se a deseñar algunhas propostas [5] de moito interese. Mágoa de non ter continuidade.

Para poñer en práctica o aprendido no Foro Social de Ferrol Terra, tanto durante o proceso de preparación como neses tres días intensos nos que se desenvolveu o Foro, decídese convocar,  un Encontro Social de Ferrol Terra onde se sintetizara o aprendido do Movemento 15M e do Altermundismo que emana da experiencia do Foro Social Mundial -FSM. A proposta inicial tiña unha forma de esquema xeral [6], onde se resumían as consecuencias das políticas neoliberais e por outra banda as respostas alternativas.

A primeira Asemblea do proceso de constitución do citado Encontro, foi o 27 de Decembro de 2011. A última asemblea do Encontro tivo lugar o 28 de Maio de 2013. Foron 21 asembleas ordinarias que conformaron a primeira etapa de construción do Encontro Social de Ferrol Terra e unha Asemblea Extraordinaria en dúas sesións o 24 de Xaneiro e 5 de Febreiro de 2013, coa temática sobre "A situación da Comarca: diagnose e alternativas".

Pretendía-se a constitución dun Encontro Social (de persoas e organizacións), que debatera, reflexionara e organizara unha resposta unitaria ás políticas neoliberais, de recortes sociais e perda de dereitos, cunha acción en positivo: tecendo unha rede de apoio mutuo.

Foron moitas as xuntanzas, iniciativas, comisións, xornadas, análises e  propostas. Das iniciativas, unhas están en transición, outras callaron e outras non: Arméria Soc. Coop. Galega, Banco de Tempo, Peto Solidario, Tenda de Troco, Viaxes Educativos e  Solidarios, STOP-Desafiuzamentos, Centro Media Información, Alimentos Solidarios, Xustiza Social, Recursos Compartidos, Asemblea Sen Papeis, Axenda Aberta, Finanzas e Seguros Éticos, Hortas Comunitarias, Eventos, Economía Social e Solidaria, ... Trataba-se de poñer os alicerces da construción social, da construción dos contrapoderes que nos axudaran a saír do Capitalismo, unha construción social alternativa real e pedagóxica.

Perante este tempo de actividade, practicamos a asemblea como construción colectiva, aprendemos practicas e conceptos como: horizontalidade, solidariedade, autoxestión, cooperación, asemblea, complementariedade, reciprocidade, portas abertas, democracia, axuda mutua, ..., mais tamén houbo   confrontación e actuacións que axudaron a fraccionar e paralizar. Intereses particulares, individualistas e de facción, alienación social e actitudes destrutivas ... criaron un conflito que freou o proceso de construción do Encontro Social e da Rede de Apoio Mutuo, nun momento de relentización, relaxación e cansazo d@s activistas sociais.

Agora nesta primeira Asemblea plenaria do 2014, teremos que deliberar, analizar erros e acertos, e buscar resposta ás seguintes preguntas:

Que entendíamos cada quen que era o Encontro e a Rede?
Que foi o Encontro e a Rede neste período?
Que aprendemos deste período?
Que deberá ser o Encontro e a Rede de aquí en diante?
Que teremos que facer para conseguir-lo?

En Ferrol Terra, a 10 de Xaneiro de 2013

Enlace para acceder ou baixar a convocatoria en formato -pdf.

Notas.-
[1] Todo sobre o movemento 15M na '15Mpedia'  que é unha enciclopedia libre sobre o 15M
http://wiki.15m.cc/wiki/Portada
[2] Blogue sobre o Foro Social de Ferrol Terra 2011
http://forosocialdeferrolterra.blogspot.com.es/
[3] Web do Foro Social Mundial -FSM.
http://www.forumsocialmundial.org.br/
[4] Sobre o Foro Social Galego
http://www.altermundo.org/tag/foro-social-galego/
[5] Propostas deseñadas no I Encontro Social Galego
http://facendoredes.wordpress.com/2011/11/07/asi-foi-o-i-encontro-social-galego/
[6] Imaxe do esquema xeral da proposta inicial: Podemos cambiar a cor ?
https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEj8wQDae98If_Gea7UEK_bxtSxwwfR0_jOUXYh9zzDtqJBE4yxLOGSmBuYE04REYVqrXSNoeHu5ZAyPd3yoF6wXWxrIr3abbTSQVZE-XE3DP61yOpgsQZvfWQNmlqJkrzPd6TgaMRHMQQ/s1600/1-rede+de+apoio.jpg

|||||||||||||||||||||||||

Nenhum comentário:

Postar um comentário